luns, 6 de abril de 2015

O monstro de tres orellas

Un martes pola mañá, dona Tareixa, a mestra de inglés dos de 5º de primaria, entrou na aula e abriu o caixón da mesa. Alí gardaba os cadernos dos alumnos que tiña que corrixir, e aínda lle faltaban seis ou sete. 
Cando foi coller o caderno de Brais, decatouse de que lle faltaban varias follas e incluso outras estaban un pouco roídas, como se na aula houbese un rato que comese cadernos.
Entón, dona Tareixa meteu a man no caixón e apalpou unha cousa estraña. Tirou por ela e sacou unha especie de monstro duns 15 centímetros de altura, unha boca enorme e vermella e tres orellas verdes e 
peladas. O monstro levaba nas orellas uns cascos para escoitar música, polo que non se puido agochar -porque non oíra o ruído- cando a mestra entrara na aula.
Dona Tareixa, toda sorprendida, colleu o monstro polas orellas e fixo ademán de botalo da aula pola súa mala educación; pero nese momento tocou o timbre e entraron os alumnos. Estes, ao veren o monstro, pedíronlle á mestra que non o botase, que habían de coidar del e que procurarían que non roese máis cadernos. A mestra aceptou, coa condición de que o monstro de tres orellas só comese papel reciclado e non armase barullo durante as clases. 
O monstro quedou todo contento e, en agradecemento e como era todo un experto en música, ensinoulles aos seus novos amigos a tocar uns instrumento de percusión que só os monstros coñecen e que se chama pioclaro. Pero esa é outra historia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

COMENTA AQUÍ